Esta liña “filla” constitúe un eixo central dentro dos obxectivos da liña xeral.

O grupo BV1 ten ampla experiencia no estudo da absorción e mobilización en auga de distintos tipos de contaminantes inorgánicos e orgánicos procedentes fundamentalmente dos tratamentos fitosanitarios e da incorporación de residuos como emendas de solos.

Destacan os avances realizados no estudo dos efectos de valorizacións de diversos residuos como emendas do solo: residuos forestais (cortizas), e de acuicultura (cunchas de mexillón) sobre as propiedades físico-químicas e biolóxicas dos solos, especialmente a mellora das súas calidades na retención e inmovilización de contaminantes.

Outra liña de estudo é o transporte de partículas na auga infiltrada combinando tomografía computerizada e modelización de transporte en colaboración coa Universidade de Aarhus (Dinamarca) co obxectivo de comprender e predicir a influencia da estrutura do solo no comportamento de bacterias, virus, e contaminantes químicos particulados. Esta liña refórzase cos recursos achegados polos grupos LIA2 e o GI-2058 da USC.

Outro tema de interese que se está a desenvolver dentro desta liña é o estudo da acumulación e mobilidade de Hg e metil-Hg en solos e sedimentos, así como o papel da vexetación na transferencia do Hg atmosférico ao solo. Estes aspectos se tratarán no contexto das funcións dos compoñentes dos ecosistemas terrestres como sumidoiros de Hg a nivel global en escenarios influenciados polo cambio climático e a redución das emisión de Hg antrópico á atmosfera promovidos pola Convención Minamata.


Contidos relacionados