En concordancia co Campus da Auga, CITACA sitúa a auga como eixo primordial que conecta todas as etapas do ciclo produtivo de alimentos, considerando o aproveitamento dos residuos xerados en cada etapa, a súa relación co medio ambiente, e a calidade da auga como recurso vulnerable.

O clúster de investigación CITACA (Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentaria do Campus da Auga) xorde como iniciativa bottom-up a partir dun dos multicluster I+D do Campus da Auga: Clúster 1 “Alimentación, Medio e TIC´s”, que aglutina a varios grupos radicados na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense da Universidade de Vigo (AA1, BV1, EQ4, EQ11) que viñan colaborando desde facía varios anos dentro das áreas de especialización de alimentación e medioambiente en distintas actividades de investigación relacionadas cos solos agrícolas, a industria de transformación de alimentos, a valorización dos subprodutos desta actividade e a calidade e seguridade alimentaria, e ao grupo da Escola de Enxeñaría Informática LIA2 que, desde a área de especialización das TIC’s, tamén realizara traballos colaborativos con algúns dos investigadores dos grupos antes mencionados.

A especialización do campus de Ourense no Campus da Auga fixo evidente a necesidade de dar un valor fundamental á auga como eixo central de todas estas actividades, tanto pola súa importancia para os cultivos e a elaboración de alimentos, como polo efecto contaminante que tales actividades exercen sobre a calidade das augas naturais debido a fenómenos de infiltración de nutrientes e fitosanitarios a través dos solos cara ás augas subterráneas e por vertedura de efluentes das industrias de transformación nos ríos. Decidiuse entón completar o ciclo produtivo (“from farm to fork”) incluíndo a dous novos grupos da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo que investigan en interaccións biolóxicas nos agroecosistemas (BVE1) e en biotecnoloxía e produción vexetal (BV6), e enfocar o estudo de todas as fases produtivas en relación coa auga considerando os dous aspectos mencionados: calidade da auga a utilizar e conservación do recurso.

Acorde coa Axenda Estratéxica de Investigación 2016-2020 da Plataforma Tecnolóxica Española da auga e o seu Grupo de Traballo “GT2: Auga na agricultura e binomio auga-enerxía”, modificouse e adoptouse o principio de “Máis alimentos de maior seguridade e calidade por cada pinga de auga” como o fin último a perseguir e incorporar dentro dos obxectivos de investigación do clúster ao longo de toda a cadea poñendo o foco nos seguintes aspectos:

  • O papel dos solos agrícolas na protección, conservación e depuración da auga nun contexto de agricultura maioritariamente convencional e de valorización agrícola de subproductos e efluentes potencialmente contaminantes.
  • Investigación agronómica para a redución das necesidades hídricas e de insumos potencialmente contaminantes.
  • Optimización do uso das materias primas na elaboración de alimentos, incluíndo a valorización de subprodutos e o deseño de alimentos e ingredientes de maior calidade nutricional, organoléptica e funcional que, ao mesmo tempo, contribúan ao desenvolvemento, diversificación e sustentabilidade da industria alimentaria.
  • Reutilización segura de subproductos e augas residuais como insumos para a produción primaria.

Para abarcar todo iso decidiuse incorporar a un novo grupo da Universidade de Santiago de Compostela (GI-2058) que traballa na avaliación de riscos ambientais e modelización da transferencia de contaminantes entre diferentes matrices (auga, aire, solo, cadea trófica), e a un grupo da Universidade de Vigo da Facultade de Química no Campus de Vigo (QO3), experto en ferramentas avanzadas de síntese, análise estrutural e modelización química que se consideraron relevantes como complementos transversais en varias liñas de traballo, en especial aquelas relacionadas coa evolución química dos contaminantes no medio ambiente e con procesos de catálise encimática, a fin de permitir a formulación de obxectivos de investigación máis ambiciosos.