A Universidade de Vigo sitúase como terceira universidade española no Highly Cited Researchers 2020, realizado por Clarivate e feito público este mércores. A inclusión nesta clasificación de Jesús Simal, Francisco J. Barba, Seid Mahdi Jafari e Jianbo Xiao permite á institución viguesa colocarse tras a de Granada e Barcelona neste ránking de investigadores altamente citados. Os catro investigadores da UVigo traballan no eido da ciencia e tecnoloxía dos alimentos e aparecen incluídos no listado internacional no ámbito das Ciencias da Agricultura.
A listaxe, que este ano inclúe 6167 investigadores e investigadoras de 60 países e rexións, identifica, tal e como indican os seus promotores, “aos investigadores que demostran unha influencia significativa no seu campo ou campos de investigación elixidos a través da publicación de múltiples artigos altamente citados durante a última década”. España ocupa neste 2020 o posto número dez no ranking de países, con 103 investigadoras e investigadores. Tendo en conta a primeira afiliación das e dos investigadores incluídos na clasificación, a institución académica viguesa, ademais de terceira no eido universitario español, lidera a presenza galega cos seus catro investigadores (aos que se suma Juan José Nieto da USC) e supera a cifra acada en 2018, cando tivo nesta listaxe a Jesús Simal e Maurizio Battino, e en 2019, cando estiveron Maurizio Battino, Francesca Giampieri e Bruno Mezzetti.