A COVID- 19 apraza a incorporación da investigadora distinguida Francesca Giampieri ata mediados de xuño

Os efectos da COVID-19 tamén se están deixando notar no reforzo do talento investigador na UVigo. A bióloga, cun doutoramento en investigación en Alimentos, saúde e fármacos e un BIR en Ciencias dos Alimentos na Universidad Politécnica de Marche, Francesca Giampieri acadou a mediados do pasado mes de febreiro un contrato de investigadora distinguida do Programa de Captación de Talento Investigador de Excelencia da Universidade de Vigo Non obstante, a súa incorporación ao grupo de investigación NF1 (Nutrition and Food Group) liderado por Maurizio Battino, integrándose na agrupación estratéxica Citaca, aínda non foi posible “porque poucos días despois de recibir a comunicación do éxito no programa de captación, Italia pechou os vos e empezou o confinamento que se prolongou ata principios de maio”, explica Giamperi, que a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, agarda que “poida asinar o contrato e incorporarse a mediados de xuño, se se permiten os desprazamentos”.

Con máis de 135 publicacións, un índice H de 30 e catalogada como investigadora altamente citada, baseado nos datos e análises realizados por expertos bibliométricos do Instituto e Información Científica de Clarivate Analytics, Francesca Giampieri é en opinión de Belén Rubio “unha gran promesa de futuro, cun potencial investigador excelente. Ademais está a preparar a súa candidatura para a convocatoria Beatriz Galindo e eu espero que se presente tamén en breve ás Starting Grant da ERC”. Especialista en bioquímica, Giampieri traballou en diversos temas de biomedicina, esclerose múltiple, envellecemento e tamén en aspectos de nutrición e dietética, como o papel dos antioxidantes e compoñentes bioactivos en diferentes matrices, como por exemplo o mel e os amorodos. “Sen dúbida a súa incorporación vai contribuír a mellorar, aínda máis, o excelente nivel da agrupación e da UVigo, situada xa, a día de hoxe entre as mellores do mundo no ránking ARWU_Shanghai no ámbito da ciencia e tecnoloxía da nutrición. En definitiva, unha gran e prometedora fichaxe para a UVigo”, asegura Rubio.

Ler a nova no DUVI